O Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) créase no ano 2008 mediante a firma dun convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, o Servizo Galego de Saúde e a Universidade de Vigo. A súa creación responde á estratexia promovida desde o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) para o desenvolvemento dos Institutos de Investigación Sanitaria como estruturas organizativas de promoción e desenvolvemento da Investigación nos hospitais.
O IIS Galicia Sur é un espazo de investigación multidisciplinar en Biomedicina, con sede no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que aglutina aos grupos de investigación clínicos das Áreas Sanitarias do Sur de Galicia e aos grupos biomédicos da Universidade de Vigo, co obxectivo de promover a investigación traslacional e a innovación, garantindo así a aplicación efectiva dos resultados de investigación en termos de beneficios para a saúde dos cidadáns.
A Fundación Biomédica Galicia Sur é a entidade xestora do IISGS e se encarga da xestión integral dos proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica que se solicitan e levan a cabo dende todos os grupos de investigación que conforman o Instituto.